CEDEIRA CONTRATA POR CASE 60.000 EUROS A REURBANIZACIÓN DA RÚA CONVENTO

O Concello de Cedeira vén de adxudicar, por importe de 59.519,94 euros, a obra de reurbanización da rúa Convento, unha vía peonil de 45 metros de longo e 10 de ancho na que se atopa o auditorio municipal.

O prazo de execución dos traballos correrán a cargo da empresa Construcciones Canosa SL é de 42 días laborais, segundo consta no contrato asinado esta mesma semana.

As obras consistirán na substitución do pavimento, eliminando os tramos de adoquín e formigón impreso para poñer granito, e na mellora dos servizos, principalmente coa incorporación de tubaxes para a recollida das augas pluviais.

A rúa manterá aqueles elementos que a caracterizan, incluíada a escultura pero, polo contrario, estreará mobiliario e iluminación. O primeiro dará lugar á instalación de catro bancos (dous dobres e un triple), así como a incorporación de xardineiras e papeleiras separativas. Un total de catro luminarias distribuiranse ao longo dunha vía moi transitada pola presenza na mesma do centro cultural e social.

O proxecto tamén prevé a instalación de catro bolardos empotrados e extraíbles para evitar o tráfico rodado desde a rúa María Mediadora.