Cedeira contrata por case 60.000 euros a reurbanización da rúa Convento

CEDEIRA CONTRATA POR CASE 60.000 EUROS A REURBANIZACIÓN DA RÚA CONVENTO

O Concello de Cedeira vén de adxudicar, por importe de 59.519,94 euros, a obra de reurbanización da rúa Convento, unha vía peonil de 45 metros de longo e 10 de ancho na que se atopa o auditorio municipal.

O prazo de execución dos traballos correrán a cargo da empresa Construcciones Canosa SL é de 42 días laborais, segundo consta no contrato asinado esta mesma semana.

As obras consistirán na substitución do pavimento, eliminando os tramos de adoquín e formigón impreso para poñer granito, e na mellora dos servizos, principalmente coa incorporación de tubaxes para a recollida das augas pluviais.

A rúa manterá aqueles elementos que a caracterizan, incluíada a escultura pero, polo contrario, estreará mobiliario e iluminación. O primeiro dará lugar á instalación de catro bancos (dous dobres e un triple), así como a incorporación de xardineiras e papeleiras separativas. Un total de catro luminarias distribuiranse ao longo dunha vía moi transitada pola presenza na mesma do centro cultural e social.

O proxecto tamén prevé a instalación de catro bolardos empotrados e extraíbles para evitar o tráfico rodado desde a rúa María Mediadora.

A compañía Galitoon pecha o sábado o ciclo Teatro Familiar coa obra “Güela Güela”

A COMPAÑÍA GALITOON PECHA O SÁBADO O CICLO TEATRO FAMILIAR COA OBRA “GÜELA GÜELA”

A vila de Cedeira despedirá este sábado (día 16) o ciclo Teatro Familiar coa representación da obra “Güela Güela” no auditorio municipal.

A función, que dará comezo ás 18.00 horas, correrá a cargo da compañía Galitoon, da que forman parte Chisco Casteleiro, Ana Conca, Vicky Pérez e Belén González.

O prezo das entradas é de 2,5 euros e as localidades poderanse adquirir ese mesmo día na billeteira do auditorio.

Trátase dun espectáculo de monicreques que ten como protagonista a unha pequena cegoña, chamada Güily. Na obra reálzase o valor da amizade, da solidariedade e da familia. É unha historia chea de diversión, humor e música.

Exposición do censo electoral

EXPOSICIÓN DO CENSO ELECTORAL

Ante a vindeira convocatoria de Eleccións A Cortes Xerais 2019, e en cumprimento da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral, de 19 de xuño, o Concello de Cedeira manterá un servizo de consulta do Censo Electoral e permanecerá exposta ao público a relación de Mesas e Colexios Electorais deste Municipio do 11 de marzo a 18 de marzo do 2019 de 9.00 h a 14.00 horas.

A consulta do Censo Electoral levarase a cabo de forma presencial, polo propio interesado/a, acreditándose mediante DNI, pasaporte, ou permiso de conducir no que apareza a fotografía do titular.

Non obstante, poderá exercer o seu dereito á consulta a través dos teléfonos da Oficina do Censo Electoral: 981 27 74 39, 981 21 74 26, 901 101 900.

Advírtese da conveniencia de consultar as listas electorais por aquelas persoas que cumpriron recentemente 18 anos de idade, así como os que cambiaron de enderezo nos últimos meses.

Dentro do prazo indicado calquera persoa poderá formular reclamacións sobre os seus datos censais. As reclamacións poderán presentarse directamente na Delegación Provincial da Oficina do Censo electoral ou a través deste Concello, onde tamén se lles facilitarán os correspondentes impresos de reclamacións.

Cedeira licita por 146.896 euros a instalación de redes separativas nas rúas Paz, Silva e Floreal

CEDEIRA LICITA POR 146.896 EUROS A INSTALACIÓN DE REDES SEPARATIVAS NAS RÚAS PAZ, SILVA E FLOREAL

O Concello de Cedeira vén de sacar a licitación a renovación da rede de saneamento nas rúas Paz, Silva e Floreal.

Trátase do proxecto que, financiado na súa totalidade polo Deputación da Coruña, transformará a actual rede unitaria de saneamento moi deteriorada, por unha nova separativa ao longo dun tramo de case medio quilómetro no conxunto das tres rúas. O investimento ascende a 146.896 euros (IVE incluído).

As obras consistirán na substitución dos colectores de augas residuais, por outros de PVC, así como na execución dun novo colector exclusivo para pluviais. O prazo de execución será de tres meses e o día 25 de marzo é a data límite para presentar ofertas.

O proxecto tamén contempla a realización dun total de 65 acometidas domiciliarias, a construción de 21 pozos de rexistro fabricados en formigón e o mesmo número de sumidoiros cuxa capacidade de desaugadoiro será suficiente para absorber alomenos o 70% do caudal de referencia.

A obra rematará coa reposición dos asfaltados que poidan verse afectados polas intervencións.

Cedeira invita á veciñanza a secundar a concentración deste venres polo Día da Muller

CEDEIRA INVITA Á VECIÑANZA A SECUNDAR A CONCENTRACIÓN DESTE VENRES POLO DÍA DA MULLER

O goberno de Cedeira invita ao conxunto da veciñanza da vila e mesmo do municipio a participar na concentración que terá lugar o próximo venres, día 8 de marzo, con motivo do Día Internacional da Muller.

O acto, que se levará a cabo diante da Casa do Concello, dará comezo ás 12.00 horas e consistirá na lectura dun manifesto, a cargo da concelleira de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez. “Se nós paramos, o mundo para!!” é o lema dunha convocatoria que se pretende que sexa seguida pola inmensa maioría da poboación local.

Antonia Rodríguez Díaz, elixida Muller da Vila 2019 pola Asociación de Amas de Casa de Cedeira

ANTONIA RODRÍGUEZ DÍAZ, ELIXIDA MULLER DA VILA 2019 POLA ASOCIACIÓN DE AMAS DE CASA DE CEDEIRA

Antonia Rodríguez Díaz vén de ser elixida Muller da Vila 2019, un recoñecemento público, por parte da Asociación de Amas de Casa de Cedeira, que a homenaxeada recibirá no transcurso da comida que a entidade promove para o domingo día 10 de marzo.

A presidenta da asociación, Ángeles Villar Fraquela, significou o traballo social e de acompañamento que Antonia Rodríguez Díaz levou a cabo entre os toxicómanos e as súas familias nos anos máis duros da droga na vila, un labor que tamén fixeron outras persoas pero na que “Antonia foi pioneira e se involucrou de maneira especial”, segundo Ángeles Villar. A homenaxeada recibirá unha figura da peixeira de Sargadelos, así como unha mantilla feita polas alumnas do obradoiro de encaixe.

A entrega do premio producirase durante a comida que, por segundo ano consecutivo, organizan as Amas de Casa con motivo do Día da Muller Traballadora (8M). A cafetería do auditorio municipal acollerá unha celebración que dará comezo ás 14.30 horas e na que, ademais de salpicón, empanada, xamón asado, ensaladas, sobremesas, bebidas e café, haberá sorteo de agasallos e a actuación do dúo feminino “Oasis”.

O Concello tamén participa nesta celebración coa conferencia que Carmen Avendaño Otero -coordinadora da Fundación Érguete-Integración- pronunciará ás 12.30 horas nas instalacións do auditorio. Carmen Avendaño fundou a Federación Provincial e a Federación Galega de Axuda aos Drogodependentes e destacou pola súa loita contra o narcotráfico, denunciando aos grandes traficantes e organizando plans de rehabilitación e reinserción. Recibiu moitos recoñecementos e distincións, entre os que destacan a Cruz de Prata da Orden Civil da Solidaridad Social (2010), o premio Galicia en Feminino da Xunta de Galicia (2002), o Nacional do PSOE Rosa Manzano e o de Xustiza e Sociedade(1993).

As persoas que poidan estar interesadas en asistir á comida xa poden apuntarse nos números de teléfono 636 787 265 e 649 703 998. A participación implica o pago dunha cota de 15 euros para as socias e de 20 para o público en xeral. Só se admitirá a presenza feminina. A primeira convocatoria reuniu a unhas 80 mulleres.

Convocadas as axudas da Deputación a entidades asociativas agrarias e labregas para investimentos

CONVOCADAS AS AXUDAS DA DEPUTACIÓN A ENTIDADES ASOCIATIVAS AGRARIAS E LABREGAS PARA INVESTIMENTOS

O pasado luns 25 de febreiro tivo lugar a publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da resolución número 2019/5877 da Presidencia da Diputación da Coruña pola que aprobouse a convocatoria do programa de subvencións dirixido a entidades asociativas agrarias e labregas da provincia da Coruña para a realización de investimentos durante o ano 2019.

Nas seguintes ligazóns pode acceder á publicacións no BOP e na Base de Datos Nacional de subvencións da convocatoria das axudas:

IR Á LIGAZÓN Publicación no BOP do programa de subvencións a entidades asociativas agrarias e labregas da provincia da Coruña para a realización de investimentos durante o ano 2019

IR Á LIGAZÓN Publicación no Sistema Nacional de Publicidade de Subvencións do programa de subvencións a entidades asociativas agrarias e labregas da provincia da Coruña para a realización de investimentos durante o ano 2019

O pleno de Cedeira aproba unha moción en defensa da sanidade pública

O PLENO DE CEDEIRA APROBA UNHA MOCIÓN EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

O pleno de Cedeira aprobou na súa última sesión unha moción en defensa da sanidade pública. O asunto saíu adiante cos votos a favor do goberno municipal (PSOE, BNG e Anova), mentres que o PP votaba en contra por non recoñecer nin a existencia do conflito no sector da sanidade nin as demandas que se veñen esixindo por parte do Concello, da veciñanza e mesmo dos profesionais do centro de saúde de Cedeira, para garantir unha correcta atención primaria no centro asistencial da localidade, segundo declarou a primeira tenente de alcalde, María Xosé Rodríguez Pérez.

Coa aprobación da iniciativa, o Concello solicita á Xunta que rectifique a súa política con respecto a este dereito universal de maneira que incremente o orzamento destinado a sanidade, que convoque as prazas vacantes, que elimine as listas de espera e que elabore un plan de Mellora da Atención Primaria cunha dotación inicial de 200 millóns de euros.

Na lista de peticións tamén figura a necesidade de reverter as privatizacións e a xestión propia dos servizos sanitarios, a eliminación dos copagos farmacéuticos e a mellora con recursos e prestacións da asistencia sanitaria no ámbito local coa “contratación de substitutos facultativos de medicina xeral, de atención pediátrica e en xeral de todo o persoal preciso para manter o número de profesionais activos e garantir así o mellor servizo á cidadanía”.

Entre outros argumentos, o equipo de goberno expone que “a gravísima deterioración da sanidade pública é un dos temas que máis alarma social está a provocar na sociedade galega”, que “converter o dereito á saúde nun negocio para grupos afíns” é o obxectivo da política sanitaria que Núñez Feijóo está a aplicar desde a Xunta”, ademais de cuantificar en 2.188 millóns de euros os recortes acumulados desde o 2009 e de destacar a unanimidade que existe entre sindicatos, colexios profesionais, plataformas sanitarias, organizacións profesionais e doentes en denunciar a grave deterioración que están a provocar as políticas sanitarias do PP. No caso de Cedeira, esta postura crítica tamén se está a traducir en concentracións semanais diante do centro de saúde, unha convocatoria que conta habitualmente coa presenza de membros do equipo de goberno.

O Concello persónase contra o concelleiro Vilela Santalla, ao que a Fiscalía acusa de malversación

O CONCELLO PERSÓNASE CONTRA O CONCELLEIRO VILELA SANTALLA, AO QUE A FISCALÍA ACUSA DE MALVERSACIÓN

O Concello de Cedeira tomou o acordo de personarse na causa aberta polo Ministerio Fiscal contra o concelleiro Alfredo Vilela Santalla por un delito de malversación. Vilela está acusado de simultanear, durante o mandato 2011-2015, a dedicación exclusiva como concelleiro-delegado de Atención Cidadá, Servizos, Mantemento e Obras coa dirección e administración “de facto” da súa empresa de construción con sede na vila de Cedeira.

A decisión, que resultou aprobada no pleno de onte cos votos do equipo de goberno (PSOE, BNG e Anova) e co abandono do PP da sesión para non ter que pronunciarse sobre o asunto pola súa amizade con Alfredo Vilela, obedece ás consultas e informes emitidos polo secretaría do Concello, o despacho Lamas y Abogados e o servizo de asistencia xurídica da Deputación. Todos coinciden na necesidade de personarse no procedemento a efectos de exercer a acción civil tendente á restitución, reparación do dano e indemnización polos prexuízos causados, cuantificados en112.000 euros, segundo a Fiscalía.

O equipo de goberno, que subliña “a responsabilidade dos cargos públicos de denunciar e perseguir os delitos dos que poden ser coñecedores para no incorrer en prevaricación”, pon de manifesto que o Concello actúa en calidade de “prexudicado” patrimonialmente polos supostos cobros indebidos. Tamén fai constar que se está a actuar en defensa dos intereses dos cedeirenses e como consecuencia do requirimento formulado no seu día desde o Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Ortigueira solicitando ao Concello que manifestase se se persoa como parte no procedemento ou, polo contrario, renuncia ás accións na súa condición de prexudicado na causa contra o exconcelleiro, que formou parte da corporación no último mandato do PP no Concello de Cedeira.

O día 9 de xullo do ano 2011 Alfredo Vilela Santalla presentou, a efectos da súa toma de posesión como concelleiro, declaración sobre causas de posible incompatibilidade, indicando que non concorría ningunha das descritas no artigo178 da LOREG. Posteriormente, e mediante unha resolución da Alcaldía, o día 20 de xullo do 2011, actúase a favor de Vilela Santalla outorgándolle as delegacións municipais de Atención Cidadá, Servizos, Mantementos e Obras. Finalmente, o día 29 dese mesmo mes o pleno recoñeceulle a dedicación exclusiva, pola que percibiría un importe anual bruto de 28.000 euros.

De resultar probada a causa que a Fiscalía ten aberta contra o concelleiro este terá que devolver o que cobrou ao erario público cedeirense, reiterase desde o goberno municipal.